venres, 26 de outubro de 2018

TOPONIMIA, OS NOMES DAS NOSAS TERRAS

Monte Pumariño, o Coto Cornido, a pedra da hucha, o coto dos mozos... Moitos son os nomes que ten a terra brionesa de vello. Moitos son os nomes que, segundo van morrendo os máis vellos, se van perdendo. Xa hai moi pouca xente en Brión que saiba onde está a pedra da hucha, ou o coto dos mozos, lugares que seguen aí e dos que o nome vai caendo no esquecemento, perdéndo se así unha grande riqueza cultural e patrimonial que é nosa, de todos os brioneses.

Nestes momentos contamos cunha ferramenta moi pouco coñecida que é de grande axuda para poder conservar estes nomes, gardalos para que os que veñen detrás saiban como se chama a terra que pisan e a súa historia.

Co nome de TOPONIMIZATE teremos este vindeiro luns 29 de outubro unha charla moi interesante para presentarnos esta ferramenta, ver como funciona a través do móbil, ver como todos e todas podemos colaborar na recollida dos datos dos sitios que coñecemos ou que coñecen os da casa.

A presentación faise en colaboración coa Rede de Dinamización Lingüística e a Real Academia Galega e será este luns 29 de outubro ás 8 da tarde na Aula CEMIT.


0 comentarios:

Publicar un comentario